26/09/08

XX Xornadas de BD de Ourense

TODO LISTO PARA AS
VIXÉSIMAS XORNADAS DE BANDA DESEÑADA DE OURENSE
A edición número 20 da «Festa Galega do Cómic»
decorrerá entre o 1 e o 18 de outubro


As XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense acollerán este ano oito exposicións. As monográficas estarán dedicadas a Rachel Deville (Firminy, 1972), francesa residente en Barcelona, autora do álbum Lobas (2007) —unha reflexión autobiográfica sobre a súa condición de irmá xemelga—; ao estremeño Enrique Flores (1967), ilustrador habitual en medios como El País e autor de BD en diversas revistas e do álbum Bebop (2000, xunto con Felipe Hernández Cava), acerca do jazz dos anos cincuenta; ao portugués Filipe Abranches (Lisboa, 1965), un dos máis persoais autores da escena actual, cunha decena de álbums de BD, como O diário de K, Al’Mutamid, 16 – 1 ou Pássaros; e a Roque Romero (A Coruña, 1978), colaborador de numerosos fanzines como Carne Líquida ou Barsowia, e participante nos álbums colectivos H2Oil e Barsowia en llamas.
No que respecta ás exposicións colectivas, estará a dedicada conxuntamente ás adaptacións á BD que de Romeo e Xulieta e de Tirant lo Blanc fixeron, respectivamente, os galegos David Rubín e Miguel Porto —que serán publicadas en breve por parte de SM—; a dos resultados da modalidade de Banda Deseñada do Certame Galego de Creadores Novos GZcrea 2008, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade; e mais a do Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2007, do Instituto de la Juventud.
Alén diso, as Xornadas dedicarán tamén unha pequena mostra ás súas vinte edicións, repasando os carteis, as portadas da súa revista O Fanzine das Xornadas (a máis veterana das publicacións dedicadas ao cómic en Galicia), os Premios Ourense, etc.

Cinema e BD
Haberá tamén proxeccións de cinema en pantalla grande, neste caso coa colaboración das salas Cinebox e do Cineclube Padre Feijoo. Serán dous filmes inéditos nas salas comerciais da cidade: o mércores 1 (20.30 e 23 h), El castillo ambulante, do xenial director Hayao Miyazaki (tamén autor de cómic), e o mércores 8 (20.30 e 23 h) Persépolis, codirixida pola autora da BD homónima en que se basea, Marjane Satrapi. Ambos os filmes foron gañadores de diferentes premios, ademais de teren sido nomeados para os Oscar na categoría de película de animación: El castillo ambulante recibiu a Osella de Ouro no Festival de Venecia, e Persépolis o Premio do Xurado no Festival de Cannes.
O programa inclúe ademais, como é habitual, presentacións de diversas edicións, entregas de galardóns (no transcurso dos actos de inauguración) e encontros cos autores.

O programa completo, tamén en breve na web www.casaxou.com/bd