20/07/09

Avance das XXI Xornadas

AS XORNADAS DE 2009 AVANZAN O SEU PROGRAMA
Mostras individuais como as de Miguel Brieva e Juanjo Sáez e colectivas como a de ‘Fanzine Enfermo’ ou a do Injuve, pratos fortes da edición


As vixésimo primeiras Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que decorrerán entre o 1 e o 18 do próximo outubro, traerán novamente á cidade exposicións e actividades relacionadas coa novena arte. Organizadas pola Casa da Xuventude de Ourense co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e mais do Concello de Ourense, contarán outra vez máis cun bo número de propostas creativas relacionadas cos cómics.
Entre os convidados con exposición deste ano está Miguel Brieva (Sevilla, 1974), artista cuxo estilo de crítica mordaz contra o sistema se reflicte en obras como Dinero, Enciclopedia Clismón ou El otro mundo. Parte desas páxinas e das súas colaboracións en medios como El Jueves, La Vanguardia, El País, Rolling Stone ou Mondo Bruto aparecen nesta mostra titulada «Sobras maestras», que organizan E-Veleta e Cajasol.
Non menos coñecido é Juanjo Sáez (Barcelona, 1972), autor dos libros Viviendo del cuento e El Arte, conversaciones imaginarias con mi madre, e máis recentemente do libreto que acompaña o último disco do grupo Los Planetas, Principios Básicos de Astronomía. Na súa exposición fará tamén un repaso á súa traxectoria como autor de BD, publicista e ilustrador.
Cuaderno de tormentas, o último libro polo momento do ourensán David Rubín, será protagonista dunha mostra de orixinais. A presenza autóctona non acaba aí, porque varios autores galegos están incluídos nas mostras colectivas do Fanzine Enfermo e do Certamen de Cómic e Ilustración Injuve 2008.
A primeira reúne obra dunha vintena de debuxantes españois e foráneos que se deron cita na revista homónima, unha publicación independente de oito números (publicados entre 2003 e 2007) que gañou en 2008 o premio ao mellor fanzine no Saló del Còmic de Barcelona, e que este ano foi recompilada nun volume integral por Astiberri Ediciones. O volume e a exposición inclúen traballos de Alberto Vázquez, Félix Díaz, Jorge Parras, Lola Lorente, Brais Rodríguez, Luci Gutiérrez, Pau Masiques, Iván Brunetti, Carlos Maiques, Fermín Solís, Jano, David Rubín, Clara-Tanit, Miguel Porto, Sascha Hommer e Martín Romero, entre outros.
A exposición do Injuve, pola súa parte, conta con obra de autores como Brais Rodríguez, Raúl Ariño, Martín López Lam, Jorge Parras, Carlos Arrojo, Kika Hernández, JM Ken Niimura, Raquel Aparicio, Marta Antelo ou Mar Hernández.

Outras dúas exposicións confirmadas son as organizadas para o stand oficial de Galicia como comunidade convidada do Saló del Còmic de Barcelona o pasado mes de maio, e que se expoñen así por vez primeira fóra dese marco. As mostras son «Viñetas descubertas. Certames galegos 2000-2008» —que recolle páxinas de Marcos Calo, Mariano Casas, Cosme, Jacobo Fernández, Jano, Juan Luis Pérez, Martín Romero, David Rubín e Antonio Seijas— e «Miña terra galega», composta por historias creadas para a ocasión por Diego Blanco, Manel Cráneo, José Domingo, Alberto Guitián, Emma Ríos, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez.

[O cartel das XXI Xornadas é obra de Martín Romero]